Nestes días temos un tempo caluroso e o que menos nos apetece son as comidas quentes e pesadas. Esta semana traiovos un prato fesco e moi rápido de preparar para comer en calquer momento, xa sexa mediodía ou cea.
Ingredientes:
- 100 gramos de xudías verdes (planas ou redondas)
- 1 lata de atún natural
- 2 tomates pequeniños
- 1 ovo
- 1 cullerada de vinagre
- 1 dente de allo pequeno
- Aceite de oliva
- Sal e pementa ao gusto
Elaboración:
Primeiro deberedes lavar as xudías e fervelas en auga con un pouco de sal durante uns 20 minutos. Despois de cocidas pasamolas por auga fría e escurrímolas ben. Podemos aproveitar e cocer o ovo no medio das xudías.
Despois deberemos lavar e trocear os tomates, de seguido troceamos o allo moi finiño e escurrimos o atún pero gardamos a auga da lata.
Na auga do atún engadimos un chorriño de vinagre e un pouco de aceite de oliva, salpimentamos ao gusto e batemos durante uns minutos para que todo este ligado para facer o aliño.
Introducimos nun bol ou nunha fuente grande as xudías cocidas e escurridas, o allo picado, o atún desmigado, o ovo picado medio-fino e os tomates. Todo isto regámolo co aliño que preparamos anteriormente.
Se queredes a esta receita podedes engadirlle pataca cocida, cebola ou cenoira para darlle un toque diferente. Asegúrovos que o sabor será único e refrescante nestes dias que fai tanta calor.
Ven á Praza e merca as verduras, hortalizas e legumes máis frescas, non atoparás esta calidade nin sabor en ningún outro lado.