Este é un prato pouco habitual pola nosa zona pero si que é moi común consumilo polo norte de España: Aragón, Cataluña, Navarra …
Como xa dixemos a cebola é unha hortaliza con infinidade de propiedades para a nosa saúde: antiséptico, anti inflamatoria e anti coagulante.
Ingredientes:
- 4 cebolas grandes
- 250 gramos de carne picada
- 1 allo
- aceite
- 2 uds de tomate maduro
- salsa de tomate (a poder ser caseiro)
- Sal e Pementa
Elaboración:
O primeiro que deberemos facer será limpar as cebolas e vacialas con moito coidado de non rompelas. Inda que se rompesen non pasa nada xa que podemos atalas con cordel para cociña.
Neste momento encendemos o forno e poñémolo a prequentar a 180º C.
A cebola que retiramos do interior picámola moi finiña e pasámola pola tixola cun chorriño de aceite, sal e pementa. Cando a cebola comeza a pochar engadimos a carne picada e o allo picado moi finiño. Cando a carne empece a coller color engadimos os tomates maduros xa picados e seguimos a remexer.
Mentras se termina de facer a carne colocamos as cebolas nunha bandexa de forno con manteiga ou aceite para que non se peguen as cebolas.
Agora xa debemos ter o recheo feito así que procedemos a introducilo con coidado dentro das cebolas e por riba poñemos 2 culleradas de salsa de tomate. Metemos ao forno durante 20 minutos a 180º C e listas.
Como podestes observar este é un prato moi sinxelo que pode servir tanto de entrante como de comida principal acompañado dunha ensalada, patacas ou pasta.
Tamén podes facer variantes do prato engadindo champiñóns no medio da carne picada ou poñendo queixo relado por riba das cebolas antes de meter no forno. A imaxinación é a mellor compañía á hora de facer receitas con verduras e hortalizas cun sabor inconfundible.
Na Praza da Verdura de Vilagarcía podes atopar todos os martes e sábados os mellores productos hortícolas: verduras, hortalizas, legumes e froitas.