Os integrantes da “Asociación de Vendedores de Productos Hortícolas da Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa” son todas persoas con hortas situadas na zona do Salnés.
Os municipios que se inclúen na zona do Salnés son: Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa, Meaño, Ribadumia, Illa de Arousa e Meis. O maior número de hortas traballadas polas labradoras da nosa Asociación encontranse na zona de Vilagarcía de Arousa, Vilanova e Cambados.
A comarca do Salnés ten un clima atlántico xa que se encontra na Ría de Arousa pero ao estar rodeado por montes como o Castrove e Xiabre fan que teñamos un microclima moi parecido ao do mediterráneo.
A combinación de: microclima, auga e sementes autóctonas (xeración tras xeración en moitos casos) conseguen que os nosos productos teñan unha excelente calidade e un sabor diferente.
Vilagarcía de Arousa encontrase no corazón do Salnés polo que os productos que cultivan as labradoras da nosa asociación non se ven sometidos a longas horas de transporte nin ao frío das cámaras de conservación. Este é un dos principais motivos que garanten a frescura e a calidade dos nosos productos diferenciándos dos productos das grandes áreas comerciais.
Durante xeracións as mulleres do rural plantaban sementes que elas mesmas ou as súas nais gardaban dunha temporada para outra, secandoas e gardandoas con cariño. Unha tradición xeracional que non se perdeu no Salnés e grazas a cal a día de hoxe no Salnés podemos mercar e comer productos que xa non existen noutros lugares. Esta recolección e selección de sementes garanten a calidade e sabor único dos productos cultivados no Salnés.